Diario Cultural Zeta 3x29: A quen non lle gusta un bo 'sarao'? Velaquí Sarao Studio, unha nova galería de arte en Ferrol que nos presenta a colaboradora Sara Donoso da man dos seus impulsores, Laura Freire e Néstor da Silva. E se o 'sarao' é no Caribe..., mellor aínda. Aló imos na nosa sección de 'Máis alá do Padornelo'. Irene García lévanos de Betanzos a Martinica para flipar coa música e coas praias paradisiacas. Despois descubrimos 'A parte fácil', que se cadra non o é tanto. Sica Romero conversa con Ismael Ramos acerca do seu último libro, pero tamén falamos de saber dicir que non, da precariedade emocional e dos chándales de propaganda. Para o broche final, cumprimos a nosa promesa e poñemos máis música en catalán feita por xente nova.