[Wikipedia]
Chámaselle cambio climático á variación global do clima da Terra. Tales cambios prodúcense a moi diversas escalas de tempo e sobre tódolos parámetros climáticos: temperatura, precipitacións, nubosidade etcétera. Son debidos a causas naturais e, nos últimos séculos, tamén á acción do home na biosfera.
O termo moitas veces úsase de xeito reducionista para facer referencia tan só ós cambios climáticos que suceden no presente, como sinónimo de quecemento global. O UNFCC (United Nations Framework Convention on Climate Change) usa o termo cambio climático só para referirse ó cambio por causas humanas. Ó producido por causas naturais denomínao variabilidade climática. Nalgúns casos, para referirse ó cambio de orixe humana úsase tamén a expresión cambio climático antropoxénico.