O Galicia en Goles deste domingo centrou a súa edición matinal no fútbol da RFEF, coa goleada colleitada polo Lugo ante o Barça B que provocou a destitución do adestrador Toni Seligrat. Tamén contaron a última xornada da 2ª RFEF, en horario unificado. Houbo unha de cal e unha de area para o fútbol galego: a clasificación para os playoff do Fabril e o descenso do Compostela a terceira división. Xa ao mediodía non houbo nin tempo para xantar. O Celta caeu con honra no Santiago Bernabeu por tres goles a dous pero seguen en postos europeos. Xa pola tarde chegou outra das grandes novas do noso deporte: un novo título copeiro para o Burela, o sétimo, tras gañar na final da Copa da Raíña ao Melilla. E o domingo futbolístico rematou da mellor maneira posible coa malleira do Deportivo ante o Albacete por 5 goles a1 que certifica matematicamente a permanencia do conxunto de Óscar Gilsanz.