Diario Cultural Zeta 3X06: Cibrán Tenreiro volve triunfante ao Zeta como convidado. É o coordinador do curso de Podcasting que organiza a USC e axúdanos a descifrar un pouco mellor o medio. Debe de ser o Zeta dos reencontros, porque en 'Máis alá do Padornelo' atopamos unha muller que sobreviviu un furacán e unha invasión de caimáns: Celia Riande, en conexión desde un centro para xubilados de Florida. Marta fálanos do Pokemon español (ou peninsular, vale), que ten uns ximnasios para poñer os teus pokemons todos petados (Silvia dixit). Os colaboradores tamén veñen finos: Sara Donoso lévanos a Lugo para coñecer Leira Haus e non trae sacho nin nada; e Jesús Silva fala por fin de como sacar cartos con iso de estudar Comunicación Audiovisual. A resposta está na publicidade. Seguídenos para máis consellos.