SONUVigo

SONUVigo-Episodio 13


Listen Later

No derradeiro episodio do ano de SONUVigo saberemos que lle pide ao 2026 a catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, África González, nova Premio María Josefa Wonenburger Planells en recoñecemento o seu labor de investigación en inmunoloxía e nanomedicina. Sen saír do ámbito da investigación celebraremos o 15 aniversario de atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, e coñeceremos os detalles do CIMUVigo, a primeira embarcación profesional construída en España con propulsión híbrida enchufable que nuns meses estará ao servizo do Centro de Investigación Mariña da Universidade.

En páxina electoral. escoitaremos ao candidato á Reitoría da UVigo por Consenso, Jacobo Porteiro, que na súa presentación pública detallaba as liñas mestras da súa candidatura, nun proceso que compartirá con Belén Rubio e Carmen García Mateo.

E o noso alumnado ten un protagonismo moi especial neste episodio, por exemplo, o do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte do campus de Pontevedra que está a mobilizarse na procura dunha lei estatal de ordenación de profesionais do deporte. Escoitaremos a súas reivindicacións, e tamén saberemos como se está a desenvolver o UM26, o monopraza que desde hai once anos deseñan e fabrican estudantes da UVigo e que compite en Europa xunto aos vehículos doutras universidades.

Ademais coñeceremos da man, ou da voz, da vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva Lantarón, e do vicerreitor de campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez Rajo, que vantaxes e inconvenientes (ou oportunidades, segundo se mire) ten ser un campus periférico. Ademais, na páxina que habitualmente abrimos para falar de igualdade e diversidade, referirémonos á celebración do 25N e tamén ao Manifesto Universitario da UVigo polo Día Internacional dos Dereitos Humanos 2025, que acaba de ver a luz, co lema: “O esencial de cada día”.

E aínda teremos tempo para recomendarvos un libro sobre e-SoundWay, unha ferramenta educativa destinada mellorar a pronuncia, comprensión auditiva, escritura e transcrición da fonética do inglés e tamén algunhas actividades da nosa Axenda, bastante alternativas ás luces e beléns, propios desta época do ano.

Recibide un saúdo de María del Carmen Echevarría, benvidas e benvidos a un novo episodio do podcast da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo.
...more
View all episodesView all episodes
Download on the App Store

SONUVigoBy Universidade de Vigo