No programa TRABALLOS desta semana reemitimos o programa do 27 de abril no que tiveramos o pracer de contar coa presenza de Claudio Vilanova, recentemente falecido e ao que quixemos facerlle unha pequena homenaxe á súa memoria volvendo a lembrar o seu paso por RADIO NOVA.
Claudio Vilanova Martínez fora o primeiro protagonista do programa TRABALLOS; coordinado por Enrique Vaqueiro, Manuel Boullosa e Xulio Castro. Claudio lembrou os tempos nos que arranxaba, primeiro aparatos de radio e logo de televisión, aos veciños e veciñas dos distintos pobos que conforman a comarca e tamén relatou as súas vivencias en Angola e máis concretamente na súa capital, Luanda, onde foi traballar durante moitos anos.