Vinte de Foliada para en Pontevedra, onde ea viveza da música tradicional amósanola Álvaro Carballo. Conversamos con el entre aulas de música e baile da asociación Trepia, punto de encontro dende 2008 para veciñanza de todas as idades que, ademais de aulas, dá nova vida a tradicións como as danzas de reis ou a Aña Urbana.
De traer a tradición á actualidade saben tamén moito na Asociación Veciñal e Cultural Salcedo Norte, que nos recibe nunha das súas clases de bordado ao aire para engalanar traxes tradicionais, pero tamén roupa ben actual; no seu caso o alumnado é de máis idade, pero comparte coas mozas e mozos a vontade de ir ás foliadas e non ficar só mirando.
O episodio pontevedrés conclúe nun espazo ben diferente, a universidade. O campús pontevedrés da UVigo acolle a aula permanente de música tradicional dirixida por Suso Vaamonde, que explica a sorte de contar cun espazo coma este e reflexiona sobre a necesidade de manter vivo o legado das cantareiras non só nunha data sinalada, senón sempre.
Na redacción, produción, realización e locución deste episodio estiveron Ana Liste, Vanesa Vázquez e David Lombao. Vinte de Foliada é unha produción da Fundación Praza Pública para VINTE coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.