Que as pandeiretas ecoen pola rúa non é nada estraño en Santiago. Vinte de Foliada achégase a unha das agrupacións máis senlleiras da cidade, Brincadeira, para conversar co alumnado e cunha das súas mestras, Montse Rivera, unha das integrantes das históricas Leilía que explica como a actual explosión das foliadas é, en boa medida, herdeira das recolleitas de finais do século XX.
Poder levar a tradición á vida actual é o que tentan as mozas e mozos que acoden ás aulas de baile da Gentalha do Pichel. Tras unha delas sentan ante os nosos micros e explican como se preparan para acudir con xeito ás foliadas e tamén falar galego con normalidade.
Concluímos coas impulsoras do proxecto Andar cos Tempos; Carme Campo, Chus Caramés e Ana Lenza, profesoras e estudosas, explícannos como logran un baile tradicional máis libre a través de repensar os roles de xénero que o marcaron durante demasiado tempo
Na redacción, produción, realización e locución deste episodio estiveron Ana Liste, Vanesa Vázquez e David Lombao.
Vinte de Foliada é unha produción da Fundación Praza Pública para VINTE coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.