RADIO NOVA estrea VIVIR EN... unha nova xeira de programas que ten como programa inaugural un adicado á parroquia da INSUA, en Ponte Caldelas. Nesta ocasión os veciños e veciñas da Insua foron protagonistas dun programa que pretende recoller unha instantánea sociocultural e turística desta parroquia pontecaldelá a través de entrevistas cos seus veciños como protagonistas do seu presente e garantes do seu futuro. Entre os convidados a este programa inaugural estiveron o presidente da Asociación de Veciños, Suso Portela; o presidente da Comunidade de Montes, Perfecto Vilariño Pacheco, "Tito"; os Xeitosos da Insua, representados por Julio Darriba Vaqueiro; a profesora Trini Carballo, que falou da beleza arquitectónica da igrexa e do conxunto escultórico do camposanto e das tradicións e festividades relixiosas do Santo Cristo, Santa Mariña e a Virxe dos Dores, así como da romaría da Saúde de Rebordelo; tamén estivo Manuel Lorenzo para falarnos da práctica da malla, Lola Lorenzo, da comisión de festas e Digna Pérez, de Chaín, que compuxo unha copla na honra de Santa Mariña, padroa da parroquia. Finalmente, rematamos o programa cunha conversa telefónica cun veciño da Insua na emigración, que reside en Salvador de Bahía e é o xerente do afamado e coñecido Restaurante Papito, Adolfo Ventín, quen falou da saudade que sinten os nosos emigrantes pola súa terra.