As lambetadas tamén poden ter beneficios para a saúde. Falamos con Mercedes Toscano, cofundadora da fábrica Milimelis de Nigrán, a única empresa galega de elaboración de lambetadas funcionais. Ela explícanos as vantaxes destes produtos, que incorporan fungos, vitaminas, melatonina e outros suplementos para o noso corpo. Coñecemos detalles da segunda edición de XoGal en conversa con Cintia Lomba, a directora de Escapeo. Esta empresa xunto a Concellos e GDRs desenvolven este programa de "escape room" ó ar libre, un xogo que serve para incentivar as visitas e coñecer mellor o patrimonio, a historia e a cultura de diferentes lugares. Este ano levarase a cabo en localidades da provincia de Lugo. Achegámonos á figura de Isabel Zendal, a única muller na expedición sanitaria iniciada en 1803 para erradicar a variola nos territorios de Ultramar. As historiadoras María e Laura Lara Martínez preséntannos o seu libro sobre a vida e o labor desta enfermeira coruñesa, recoñecida internacionalmente. A poeta Eva Veiga reflexiona sobre a súa obra e transmítenos os sentimentos que esperta nela a homenaxe que recibirá da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e da xente da súa terra, xunto ás Fragas do Eume.