Coa chegada do calor intenso moita xente opta pola praia pero outra moita soña con ter unha piscina na casa. Nesta altura do ano ainda é posible contratar a construcción dunha piscina para o verán? Cánto nos pode custar? O xerente do Grupo Spazi Aguasport, de Carral, respóndenos e lanza recomendacións sobre o seu mantemento. A banda coruñesa Apolo 18 preséntanos o seu primeiro EP, titulado "Intentos de facer vida". O seu baixista, Antón Lorenzo, coméntanos a experiencia dos concertos e da súa nominación como "Mellores artistas emerxentes" nos premios Martín Codax. Entramos na granxa de porco celta CienPorCel, situada nunha pequena aldea do concello ourensán de Cenlle. Martín Touceda, impulsor desta explotación xunto a súa parella, cóntanos cómo xurdiu a idea de trasladarse e vivir do rural. Con este produtor aprendemos curiosidades do porco celta, a aportación deste animal ó coidado do territorio e o método artesanal co que elaboran distintos produtos que están no mercado: embutidos, carnes, afumados, crema de queixo, pates...
Coñecemos os proxectos de cooperación internacional que desenvolven persoas da comunidade universitaria galega coa estudante da UDC Elena Casal, que nuns días viaxará a Honduras para traballar en dúas áreas rurais.
O escritor e guionista Manuel Darriba preséntanos o seu novo libro, "A identidade", un conxunto de relatos que falan sobre os conflitos, circunstancias e relacións que nos forman como individuos.