As verbenas e os festivais multiplícanse en Galicia coa chegada do bo tempo e especialmente coa entrada no verán. O director do Combo Dominicano, Cirano Núñez, fálanos do boom da verbena galega fora da nosa comunidade e da experiencia desta banda nos 20 anos transcorridos dende a súa chegada a Galicia. Coñecemos tamén as novidades da xira "Energy Tour", que levará os ritmos caribeños por toda Galicia este verán. O artista Mondra e Tome, un dos 7 integrantes da banda De Ninghures, preséntanos o resultado da súa colaboración, a canción "Que se nos faga de día", un tema que se pode escoitar nas plataformas dixitais e se albisca como un dos éxitos do verán galego. O libro "Los fabuladores" cabalga entre a realidade e a ficción para rememorar un suceso da historia do século XX extraordinario pero esquecido: o secuestro dun trasatlántico no Caribe por un grupo de exiliados españois en 1961. O seu autor, José Ignacio Carnero, expón as peculiaridades desta acción e de 2 galegos protagonistas, o poeta Pepe Velo e o comandante Jorge de Sotomaior. O director de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, expón ó éxito de sincronizar unha bailarina e un brazo robot para montar unha peza de baile, encargo dunha empresa tecnolóxica. O coreógrafo quere ampliar esta experienca, pero de momento traballa no espectáculo "Ritu", inspirado no Entroido, que se estreará tra-lo verán.