Unha recreación do discurso Alba de Gloria de Castelao.
O día 25 de xullo de 1948 Castelao pronunciou o seu derradeiro gran discurso público. Os fados quixeron que fose en data tan propicia á emotividade, diante dunha enfeitizada audiencia de emigrados e exiliados galegos en Buenos Aires que enchía o Teatro Argentino, no festival organizado polo Centro Gallego para celebrar o Día de Galicia. Esa “Alocución Patriótica”, como recolleu A Nosa Terra mesmo a seguir e que axiña sería referida co acaído título de “Alba de gloria”, converteuse en algo máis ca un discurso: considerada por amplo consenso peza cimeira da oratoria galega, engade un altísimo valor simbólico por culminar unha actividade pública en que Castelao se distinguiu especialmente, cunha capacide de convocatoria e de empatía sen parangón, mais tamén porque o pensamento que transmite está na cerna do relato identitario da Galicia contemporánea.