En xullo de 1892, cando o Concello de Pontevedra decidiu que o leite se debía gravar como un consumo,
as leiteiras que chegaban cada día a esta cidade desde o rural para vender o leite polas casas negáronse a pagar as taxas municipais e autoorganizáronse nun movemento subversivo ao que se lles sumaron as vendedoras de legumes, froitas e peixe, as clases populares e as forzas republicanas opostas ao poder.
Houbo protestas e loitas nas rúas durante seis días. E, finalmente, baixo a presión da falta de mercadorías, a Corporación municipal acordou suprimir o imposto sobre o leite e rebaixar tamén os arbitrios do peixe.
Aquel triunfo da unión entre mulleres prendeu a chama do movemento agrario pontevedrés e foi a semente das primeiras sociedades agrarias en Lérez ou en Marcón, ademais de inspirar outras revoltas en distintos puntos de Galicia.
Porén, non se lles recoñeceu o papel fundamental que xogaron estas loitadoras nas reivindicacións do agro, que acadaron logros para o ben común de toda a sociedade galega.
Falaremos coa xornalista
Xiana Iglesias, autora dunha investigación sobre as leiteiras de Pontevedra publicada no proxecto “A memoria das mulleres”. A sesión terá lugar o xoves 7 de febreiro, ás 19 horas, no salón de plenos da Deputación de Pontevedra.