Aquí faltan páxinas

Avance - Avelina Valladares. A frustración de ser escritora na Galicia do século XIX


Listen Later

Pioneira da literatura galega, Avelina Valladares destaca por ser unha das primeiras mulleres en escribir artigos de opinión na prensa e unha precursora en empregar a lingua galega nalgúns dos seus poemas. Non queda dela unha soa imaxe. O único que sabemos é que viviu na Ulla, que apenas saíu da súa casa de Vilancosta (A Estrada), que dedicou a súa vida a coidar da familia, que foi a irmá do escritor Marcial Valladares e que era unha fervente católica; unha muller que, malia ser extremadamente humilde, logrou romper coas normas sociais ao rexeitar unha e outra vez os pretendentes que a viñan “salvar” do seu estado de solteira porque ela xa se salvaba a si mesma a través da escrita, da poesía e da entrega ás demais persoas. Nun século xix marcado pola inestabilidade política e pola recuperación do galego na escrita, as voces do seu tempo eloxiárona comparándoa con Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal. Ademais dos seus textos, deixou constancia do seu talento en composicións musicais e en debuxos executados con destreza. Avelina Valladares é un exemplo, un referente que hoxe permanece vixente a través do premio de poesía que leva o seu nome e que lles transmite o seu legado ás novas xeracións. Falaremos coa xornalista Laura Filloy Martínez, que investiga sobre a figura da autora de Vilancosta desde hai anos e publicou o artigo "Avelina Valladares, a muller sen rostro" na edición da revista Miscelánea, en 2021. A sesión terá lugar o xoves 18 de abril, ás 19 horas, no Museo do Moble e da Madeira (MOME) da Estrada.

...more
View all episodesView all episodes
Download on the App Store

Aquí faltan páxinasBy Deputación de Pontevedra