No mes de febreiro Aquí Faltan Páxinas presenta a súa segunda colección de mulleres extraordinarias, que se inaugura cun capítulo dedicado a
Carmen Babiano, unha das primeiras pintoras en destacar en Galicia a finais do século xix, nun momento no que nas artes aínda non se entendía o concepto da igualdade e o matrimonio marcaba o fin da carreira dunha muller. Ao casar, Carmen deixou de pintar por mandato social, pero enfocou a súa forza creadora e o seu interese polas artes na formación das súas fillas e tamén nun labor de mecenado que a converteu nunha figura clave na vida cultural pontevedresa.
Beatriz de San Ildefonso, conservadora do Museo de Pontevedra e comisaria da mostra realizada en 2022 arredor de Carmen Babiano e das súas fillas, guiaranos pola historia desta artista que afogou a súa carreira na gaiola do fogar. A sesión terá lugar o xoves 22 de febreiro, ás 19 horas, no vestíbulo do Museo de Pontevedra.