A Illa de Arousa acollerá o vindeiro 14 de xuño unha manifestación nacional "pola defensa do Ulla e da ría de Arousa" e contra os proxectos de Altri e da mina de Touro-O Pino. ADEGA presenta alegacións ao informe da Xunta sobre o estado do lobo en Galiza e acusa o Goberno galego de manipular os datos para facer crer que a especie está nunha situación favorábel. Tamén ADEGA alerta de que a planta de biometano prevista na Laracha podería incumprir a lei de residuos e poñer en risco a saúde da veciñanza. E a Coordinadora “Eólica Así Non” presenta unha denuncia na Fiscalía Superior de Galiza para que investigue se puido haber prevaricación no cambio de seccións dos casos relacionados coa enerxía eólica dentro do TSXG. Todo isto e máis, en Radio Cerna!