Continuamos coa nova sección do Galiportus, dedicada a analizar a historia dun xeito ameno e dinámico. Buscamos chegar aos momentos históricos que uniron e separaron a Galiza e a Portugal... e tamén achegarnos a esas pequenas historias ocultas ou pouco representadas, dun pasado lonxano ou mesmo do mes anterior. Todo forma parte da historia: do Reino Suevo aos Irmandiños, do Prestige ás viaxes de Vasco de Gama, dos contrabandistas da Raia aos represaliados polas ditaduras. E moito máis...
Hoxe falamos de resistencia antifranquista e de solidariedade na Raia, en plenos anos 40, os anos da fame. Cambedo da Raia, unha pequena aldea situada entre Chaves e Montalegre, a nada do lado galego. Alí se refuxiaron guerrilleiros republicanos, acollidos pola poboación local, até que a finais de 1946, guardias civiles e guardas republicanos entraron na aldea, asasinando aos guerrilleiros e arrestando a 65 persoas. Este caso foi silenciado polo rexime de Salazar e houbo durante décadas unha censura enorme que só se rompeu após as últimas investigacións. As últimas homenaxes non poden negar o dano daquilo, mais axudan a visibilizar un episodio histórico, que marcou a xeracións raianas.