É verán, é tempo de festa... aldeas e vilas enchen os seus palcos de música a un e outro lado da Raia e os festivais son os protagonistas. Nun momento en que os macrofestivais están de moda, con axudas públicas e fondos especulativos á volta deles, vaise formando unha burbulla e a xente cada vez é máis consciente do que representan. Pola contra, algúns outros conservan a esencia e ofrecen moito ritmo a prezos populares. Aproveitando o paso polo Terra Brava do Incio (Lugo), falamos con dúas bandas que fan moita festa, a misturaren ska, reggae, rock, e músicas do mundo.
Trátase de Hector Garcia, cantante e teclista da Mekanika Rolling Band, a atendernos desde Ames (Santiago), e Francisco Amorim, guitarrista dos Kumpania Algazarra, desde Sintra. Eles explícannos os estilos, a súa traxectoria e o momento da música de rúa, a súa semi-profesionalidade e a dita ascensión dos festivais de hoxe. Unha conversa transfronteiriza... máis, xa se sabe, coa música non hai fronteiras! Varios temas deles entran no programa, desfrutádeos! E bailai!