A comarca do Barbanza centra a atención do capítulo 13 de 'A ferida aberta no 36'. Nesta zona e na súa área de influencia instaláronse durante a guerra cinco campos de concentración -un na Pobra, outro en Rianxo, dous en Muros e un en Padrón- que acolleron a internos procedentes da fronte de Asturias e tamén de Cataluña. Naqueles primeiros compases da contenda, 42 cargos políticos foron asasinados ou encarcerados; e tamén sindicalistas, mestres, e intelectuais; como Manuel Lustres Rivas ou Julio Silva.
Construímos o relato do Barbanza coa axuda de Dolores Rodríguez Sande, a última madriña republicana de Rianxo; os historiadores Xesús Santos Suárez, José Antonio Pérez Fernández e Xosé María Fernández Pazos; e o vogal da CRMH do Barbanza, Xoán Hermida. Vaia por diante o meu inmenso agradecemento e agarimo a todos eles e a Fernán Macornic e Daniel Montoya, que me acompañaron na locución.