Os protagonistas deste capítulo son a militante comunista Isabel Ríos e o guerrilleiro Benigno Andrade, Foucellas. Dous exemplos de compromiso e resiliencia pero tamén da represión exercida por un réxime que respostaba con dureza a calquera forma de resistencia.
Isabel foi detida, encarcerada e condenada a morte. A seu home fusilárono; a ela conmutáronlle a pena pero se viu obrigada a exiliarse ante o acoso incesante do réxime. Cóntanolo o seu fillo, Manuel Calvelo, e o xornalista Xosé Antonio García Ferreiro, tradutor das memorias desta.
Tanto Isabel como o seu home serviron de apoio a Foucellas; un maquis que trouxo de cabeza ao Réxime e que conseguiu esquivar os seus perseguidores durante 16 anos. Aproximámonos á súa figura coa axuda do investigador Luis Lamela. E falamos coa historiadora Lucía Santiago, de Histagra, da aparición dos restos de varios colaboradores de Foucellas que apareceron nunha fosa de Luou.
Completamos relato co traballo 'As bocas cosidas', de Marilar Aleixandre, unha viaxe pola memoria familiar da escritora e tamén da historia da guerrilla.
Unha conversa coa académica da RAG en que aproveitamos para conversar sobre Begoña Caamaño, a autora homenaxeada este ano co gallo das Letras Galegas.