Hoxe toca novamente falar de cinema no Galiportus; de cinema "alternativo", case a medio camiño entre a ficción e o documentario. Trátase da produción "Deuses de Pedra", gravada durante 15 anos (!) nas incursións do seu director, o ourensán Iván Castiñeiras, licenciado en Historia da Arte pola USC e en cinema polo Conservatorio de cinema de Lisboa. Conversamos con Iván e preguntámoslle polo proceso, polos detalles da rodaxe e polo acollemento que o filme xa tivo en festivais como o de Rotterdam, onde a crítica foi máis que positiva.
Alén disto, chamamos tamén a unha das protagonistas, Cinda Freitas, habitante da freguesía de Moimenta (Vinhais) e nai de Mariana na película, esa rapaza protagonista que loita por encontrarse e medrar nunha zona rural, despoboada e con poucas (?) opcións de futuro. Após unha escolaridade feliz, chega a maioría de idade e a grande cuestión... irse da súa terra, estudar lonxe, ou ficar perto da súa familia, asumindo as "peaxes" que iso conleva...
Deuses de pedra, nese cantiño que supón a confluencia histórica dos reinos de Galiza, Portugal e León... Un mundo que continúa aí, reclamando o seu lugar no mundo.
A música final, respirando profundo... da man dos Quatro e Meia, co seu "Olá solidão".