Xa tocaba falar de "vellos". Hoxe facémolo arredor dunha cuestión cada vez máis repetida: a esperanza de vida e o feito de envellecer activamente. Nunha sociedade a norte e sur do Miño que xa, nalgunhas zonas como Ourense ou Trás-os-Montes, conta coa metade da populación maior de 65 anos, os desafios son enormes a curto/medio prazo. Conversamos con X. M. Failde, presidente da Sociedade Galega de Xeriatría e Xerontoloxía, psicólogo e profesor titular na U. Vigo, nas áreas de saúde, educación e maiores, para que nos explique todo isto. Ao teléfono, desde Lisboa, e para visualizarmos a situación da perspectiva do cuarto país máis avellentado do mundo, aténdenos Estella Betancourt; docente, doutora en xerontoloxía e investigadora no ISCSP (Instituto Superior de Ciências Sociais e Políticas da Universidade de Lisboa) Xa de volta ao estudio da radio, falamos tamén con Tania Lorenzo e Adriana Tavares, educadoras que investigaron acerca do "Perfil das persoas centenarias en Ourense, un estudo piloto". Isto porque xa se fala da posibilidade de que as Terras de Celanova, no sureste de Ourense (na Raia con Melgaço e Castro Laboreiro) sexa declarada proximamente a sexta "Blue Zone" do mundo. Isto é, a inclusión da comarca galega dentro daquelas zonas onde maior concentración de centenarios hai, ao nivel doutras como Sardeña, Icaria (Grecia), Okinawa (Xapón), etc. E isto, por que será?
As músicas: Solpor, de Baiuca; e a Avó da Maria, dos Deolinda.
Ahá! Moito por vivir, moito por escoitar!