O proxecto educativo Fala que Fala, impulsado por Radio Líder en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua, chega mañá martes ao IES Faro das Lúas en Vilanova de Arousa. O programa emitirase en directo das 10:00 ás 12:00 horas, cun formato dinámico e participativo que busca achegar o galego á mocidade a través da radio.
O alumnado de 1º e 2º da ESO terá como convidado a Nolo Chazo, director da Escola de Artes Caliveras, músico e socio da Taberna Cultural A Cofradía. A súa traxectoria no eido cultural e artístico será o fío condutor dunha entrevista na que os estudantes poderán profundizar no seu labor e na importancia do galego nas artes e na música.
Como en cada edición, unha vez rematada a emisión, os participantes gravarán pezas multimedia para promover o uso do idioma, que se difundirán a través de Radio Líder e das súas redes sociais.