"Sol x Ciencia" chega a Razo con Begoña Nicolás e Borja Tosar
e continuará con novas propostas en agosto
Tras o éxito de público e participación na primeira sesión en Baldaio, o ciclo chega
este mércores 29 ao Terra Bar de Razo
Carballo, 28 de xullo de 2026 – Coa vista posta na histórica eclipse do vindeiro 12 de
agosto, o Concello de Carballo continúa co desenvolvemento de Sol x Ciencia, un
programa de divulgación científica deseñado para dotar á cidadanía de ferramentas de
análise, rigor e coñecemento seguro ante un dos fenómenos astronómicos máis
importantes da década.
Inspirado no modelo de democratización da ciencia do festival Pint of Science, o ciclo
traslada o debate científico fóra dos laboratorios. O propio nome da campaña, Sol x
Ciencia, sintetiza este espírito: por un lado, a maxia do solpor (hora na que darán
comezo as sesións); polo outro, a "x", que representa a variable, a incógnita
matemática e o método de procura de respostas que define á ciencia.
As sesións —enmarcadas na European Researchers' Night— abordarán o
comportamento do noso sistema solar e os seus efectos sobre a Terra a través de
diversas disciplinas científicas. O desenvolvemento é moi semellante ao do festival de
maio, con dúas charlas breves e asequibles en cada xornada, xogos e sorteos, nun
ambiente distendido como é o do bar.
De Baldaio a Razo
A primeira xornada do ciclo, celebrada no Camping Baldaio coas intervencións de
Isabel Lema Gesto (USC) e César González García (CSIC), foi un éxito de público e
participación, con máis de medio cento de persoas interesadas en aprender a protexer
a súa saúde ocular e a descubrir a historia das eclipses na cultura humana.
A segunda cita do ciclo terá lugar este mércores, 29 de xullo, ás 20:30 horas no
Terra Bar de Razo, cunha lixeira modificación no seu cadro de relatores:
Begoña Nicolás Ávila, profesora de Astronomía e Astrofísica e Matemática
Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especialista en
Mecánica Celeste.
o Relatorio: Cando un aliñamento dos astros non é suficiente. Abordará o
fenómeno dende un punto de vista matemático e físico, desvelando os
complexos cálculos, as órbitas e as variables xeométricas exactas que
fan posible que a Lúa oculte o Sol.
Borja Tosar, astrofísico, divulgador científico e comunicador habitual en
medios de comunicación, especialista na divulgación da astronomía
observacional e a exploración espacial. Substitúe a Óscar Blanco, que non
pode achegarse a Carballo na data prevista inicialmente, pero que estará entre
nós nos vindeiros días.
o Relatorio: Como experto comunicador e observador do ceo, guiará ao
público nos aspectos clave, curiosidades e pautas prácticas para
entender e desfrutar visualmente dun evento astronómico único que
tardará décadas en repetirse.
Continuidade no mes de agosto
Este ciclo forma parte do Proxecto Talento km0 (TALK0), coordinado pola
Concellaría de Innovación do Concello de Carballo co financiamento da Unión
Europea. Cun enfoque rigoroso pero accesible, Sol x Ciencia reivindica o rigor
científico e o pensamento crítico como ferramentas clave para que a poboación poida
comprender, gozar e documentar de forma segura a eclipse solar.
Ademais, dende a organización anúnciase que "Sol x Ciencia" continuará durante o
mes de agosto con novas propostas e actividades arredor do fenómeno astronómico e
doutros campos da ciencia. Os detalles e as datas concretas daranse a coñecer nos
vindeiros días.