O quinto episodio da serie da Fundación Praza Pública coa colaboración de 50 en Liberdade trasládase aos cantís baixo o Monte de San Pedro para abordar as redes clandestinas de fuxida por mar tras o golpe e e a tentativa frustrada en marzo de 1937, así como a transformación do lugar, polo que nos guía Prado Rúa
Os investigadores Dionisio Pereira, Emilio Grandío e Inés Merayo explican a importancia do anarcosindicalismo coruñés, o papel dos mariñeiros e das mulleres anarquistas nos primeiros instantes do golpe e o clima de persecución na cidade en 1937. Co escultor Pepe Galán coñecemos a intervención artística do monumento ás vítimas do Portiño
O episodio recupera parte da conversa de Beatriz Gómez e Maruxa Seixas con alumnado do IES Agra do Orzán en colaboración coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica: memoria familiar da represión, as fuxidas e a vida clandestina.
Esta produción da Fundación Praza Pública coa colaboración de 50 en Liberdade ten como director editorial a David Lombao, director de Praza.gal, con Miguel Pardo na coordinación de contido. A redacción e gravación das entrevistas e o guión corren a cargo de Pablo Vázquez e Paula Cermeño, con Llerena Perozo e David Lombao na narración, o traballo de montaxe de Xarda Cooperativa Audiovisual e a presentación e introdución da man de Prado Rúa.