Hoxe visítanos un furacán a Radio Allariz. Trátase da galega (ourensá de Xunqueira) Rochi Nóvoa, mestra de inglés, escritora, música, poeta... Só ela é capaz de promover e presidir "Tangaraño Cultural", recuperar a figura típica do entroido da súa zona (o "Farrumecos"), ou participar en recitais e encontros, debuxar, pintar... Unha mente inquieta xa con varias publicacións no mundo da poesía, que mesmo é capaz de retirarse a Polonia cunha bolsa para creadoras ("Diagnóstico poético", a súa obra) Aproveitamos para falarmos do significado da poesía grazas á última "das súas": o "1º Encontro Galaico-Português da Palabra", celebrado en Xinzo de Limia (20-4-24) Do outro lado da Raia, aténdenos Manuela Rainho, flaviense que participou no evento. Momentos de reflexión, de palabra... e tamén de música, coa "Voz das Mouras", grupo de voces e pandereteiras, coas que tamén colabora Rochi. Escoitamos "Ata a Lúa" e "Raiba". Como di Rochi... "necesitamos tempo" para asimilarmos... todo o que nos contou.
E será que a vida é un poema musical? Ou unha música poética?