Hoxe o Galiportus aborda unha cuestión á que moitas veces non lle damos importancia mais que está aí: como inflúe a (in)dependencia do xornalismo nunha sociedade libre? O panorama de hoxe non é fácil. Así nolo confirma Luis Loureiro, do Porto. Doutor en ciencias da comunicación, docente na faculdade de xornalismo da Univ. Lusófona e na Univ. do Minho e xornalista durante 24 anos na RTP, fálanos da referencia en canto ao xornalismo de investigación que supuxo "Sexta às 9", durante case 12 anos... e dos problemas suscitados tras destapar "corruptelas" que implicaban a políticos por detrás do negocio do litio. Con el tamén conversamos de cara onde imos, se merece a pena loitar por difundir a verdade, ou de como os medios influiron tanto no descoñecemento mutuo galaico-portugués.
Por outra banda, visítanos tamén Raquel Lema, xornalista da CRTVG e representante do comité intercentros. Con ela temos minutos de moito valor ao micrófono, conversando sobre o momento de extrema manipulación na que se encontra a Tv galega (falta de criterios xornalísticos e sometida ao poder político), ou o devalar falto de contidos propios, que deu en anos de protestas dos propios traballadores do ente público ("Venres negros" e "Defende a galega") Porén, diante de tanto pesimismo, Raquel é optimista e confía nun cambio de rumbo que lle dea novamente "razón de ser" ao maior (e sempre maltratado) proxecto audiovisual galego.