Hoxe visítanos Maria do Céu Fernandes Faria, que en plena idade escolar veuse do Porto (Pt) para Ourense (Gz), coa familia. Nas terras galegas, e influenciada polo seu pai, comezou a cantar fado tradicional, aínda que tivo que dar ben voltas antes de poder dedicarse á música profesionalmente, xa na trintena. Foi nos anos 90 que coñeceu á súa referente, Amalia Rodrigues, e tamén foi nesa década que comezou a mesturar as súas raíces portuguesas con esa "dozura" galega. Desde aquela, son 30 anos a estender a identidade común luso-galaica, visitando ducias de países, con centos de concertos (algún, como nos conta, inesquecíbel, como o de Buenos Aires, ou o que deu coa Real Banda de Gaitas nas pirámides de Exipto), ben de condecoracións e case 20 álbuns no seu haber. Iso si, estamos diante dunha persoa que comenta que, co seu último traballo (Galicia Nai), o de ser "artista" é para outras, que ela só quere ser recordada como "traballadora" do canto, da música. Desfrutamos varios temas a capela "da Maria", alén dos temas: "Cántame un fado minhoto" (fado corrido, do poema de Armando Gonzalez), "Sin niño" (fado vianinha, poema de Rosalía) e, para pechar, "A Fala" (do poema de Manuel María) Canta arte xunta!