A actualidade deste xoves vén marcada por unha intensa busca en Pontevea dun veciño de Teo de 56 anos desaparecido. O seu vehículo apareceu coas portas abertas e as chaves postas xunto á ponte medieval.
Afortunadamente, outra das desaparicións rexistradas onte tivo final feliz: un home de 63 anos, veciño de Padrón, foi localizado no monte entre A Estrada e Padrón.
No ámbito cultural, presentouse no Concello o V Festival de Acordeóns “Música no Camiño”, que se celebrará o 14 de marzo no Teatro Principal. Ademais, nova sesión de CineEncontros coa proxección de «Las líneas discontinuas» o luns 2 de marzo nos Minicines Central.
En servizos, a parada de taxis da Praza de Galicia trasládase provisionalmente á Praza da Constitución polas obras. E lembramos que ata o sábado está na Estrada a Unidade Móbil de Doazón de Sangue.
En Sabucedo, o Campo do Medio será obxecto dunha recuperación ecolóxica cun investimento de 110.000 euros. Tamén falamos da excursión a Chaves organizada pola Asociación de Veciños O Rueiro de Couso.
Na política local, o PSOE cuestiona levar ao pleno mocións sobre o Mercosur sen capacidade real de influencia municipal, e este venres celebrarase un encontro para conectar á mocidade cos partidos políticos en Yu Lugar de Encuentro.
En comarcas, Cerdedo-Cotobade confirma a relevancia do Castro da Cividade tras as últimas escavacións, nas que apareceron pezas de gran valor histórico como unha doa de bronce, a garda dunha arma decorada e unha moeda romana.
En deportes, A Estrada renderá homenaxe a Mariluz Barreira “Malusa”, primeira campioa de España de kárate da vila, nun acto que terá lugar mañá na sala Mome. E no mundo do motor, o campión galego de rallies Víctor Senra fará unha pausa na competición por prescrición médica debido a un problema cardíaco.
Toda a información, coa análise e as voces protagonistas, xa dispoñible no noso informativo diario.