A actualidade deste martes chega marcada por incidencias na rede de abastecemento, novidades municipais e citas culturais. O Concello confirma que xa está resolta a avaría na contorna da rúa do Muíño, que deixou sen auga durante unhas horas a varias rúas da vila. A sectorización da rede permitiu, ademais, localizar e reparar outra pequena incidencia na zona deportiva, estabilizando o servizo.
Tamén lles contamos que o Concello proporá trasladar os festivos locais de San Paio de 2027 aos días 24 e 25 de xuño, xa que as datas habituais coinciden en fin de semana. A proposta analizarase coa Mesa Local do Comercio antes de remitirse á Xunta. E viaxamos ata Couso, que volverá converterse no epicentro da música tradicional os días 13 e 14 de agosto coa vixésimo novena edición de As Nosas Músicas, un dos festivais máis emblemáticos do verán estradense.
A xornada tamén nos deixa unha cita moi agardada: esta noite, a Praza de Galicia acollerá a retransmisión da semifinal do Mundial entre España e Francia nunha pantalla xigante. E antes de pechar o bloque local, lembramos ás familias que mañá remata o prazo de reserva de matrícula na Escola de Música da Banda Municipal para o vindeiro curso.
En comarcas
A información da contorna lévanos a Cerdedo‑Cotobade, onde permanece ingresada na UCI unha muller de 41 anos tras unha presunta agresión machista; a súa parella está investigada por un delito de lesións e en liberdade con cargos. En Catoira, Adif investirá máis de dous millóns de euros para suprimir os pasos a nivel, despois de que o Concello recibise o proxecto definitivo. E en Vila de Cruces, máis de 500 persoas participarán mañá na trixésimo terceira Xuntanza das Persoas Maiores nas Insuas de Gres, unha das citas de convivencia máis tradicionais do municipio.
En deportes
A Xunta de Goberno Local da Estrada aprobou o inicio do proceso de contratación das obras de remodelación do campo de fútbol Novo Municipal, un proxecto que marcará a evolución das instalacións deportivas nos próximos meses.