Edición número 1493 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o xoves 7 de maio a través de Rádio Filispim, o venres 8 a través de RKV Radio Vigo e o sábado 9 na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 13 a través de Radio Crónica Folk Musical.
O pasado mércores día 5 fixéronse públicos os proxectos finalistas dos Premios Martín Códax da Música Galega, que chegan xa á súa edición número 13. Seguindo a liña dos últimos anos, dedicamos o programa desta fin de semana a repasar parte dos proxectos finalistas. Centramos a nosa atención en tres categorías, Jazz e músicas improvisadas, Folk e Canción de autor/a: escoitamos músicas de Alana, Abril, Antía Muíño e Xan Campos. Ademais, facémoslle oco a proxectos galegos que veñen de publicar novos traballos. Algúns son sinxelos que adiantan novos discos, outros proxectos completos que tedes xa nas tendas. Escoitamos pezas de Mondra & De Ninghures, Davide Salvado, Néboa e Rodrigo Ramos e Elena Zas.