Edición número 1494 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o xoves 14 de maio a través de Rádio Filispim, o venres 15 a través de RKV Radio Vigo e o sábado 16 na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 20 a través de Radio Crónica Folk Musical.
Abrimos o programa co trío austríaco Elmo Nero, quen veñen de publicar un máis que convincente disco. Dende Milán chega a seguir o talentoso saxofonista Raffaele Fiengo. Namorado da música de Béla Bartok e Einojuhani Rautavaara, así como da escena jazzística de New York, propón unha música de natureza narrativa e acento clásico. Pechamos este primeiro bloque co jazz experimental do trío formado por Jason Moran (piano), Blankfor.ms (loops e electrónica) e Marcus Gilmore (batería). En “Shards” propoñen un discurso musical aberto onde converxen o jazz de inspiración clásico co jazz electrónico e mesmo ambiental. Pechamos o programa con dúas novidades publicadas recentemente polo selo WeJazz: o novo disco do Vladislav Delay Quintet e o marabilloso novo traballo do dúo Matt Gold & Dustin Laurenti.