Edición número 1496 de O Recanto do Corcovado. Puidestes escoitala o xoves 28 de maio a través de Rádio Filispim, o venres 29 a través de RKV Radio Vigo e o sábado 30 na sintonía de Cuac FM A Coruña e da Radio Municipal de Redondela. Pechamos a rolda de emisións o mércores 3 de xuño a través de Radio Crónica Folk Musical.
Seu Jorge estivo uns 16 anos a traballar no seu último disco, “The Other Side”. De meditada natureza brasileira, adquire o seu significado ontolóxico na suma de múltiples referentes rítmicos. O que tentou Seu Jorge foi resumir as claves da música brasileira popular nun disco plural que, a nivel xeral, funciona como prolongación do espírito creativo de Milton Nascimento. Con el abrimos o programa desta fin de semana. Sen saírmos do Brasil —cando menos a nivel cultural—, estréovos tamén as novas cancións de MOMO e do artista afincado en Brighton Lau Ro. Na segunda parte do programa escoitamos os últimos traballos de Néboa e de Las Nietas del Charli —tedes ámbolos dous xa na rúa a través de Raso Estudio—, antes de pechar a nosa sesión semanal co novo do dúo Cocanha.