O grupo de música tradicional Os Abrentes de Cerdedo naceu a partir dunha idea municipal. Fundouse no ano 1994, primeiramente como a asociación cultural, Os Arxinas, que comprendía grupo de baile, e o grupo tradicional de gaitas, Os Abrentes. Co paso do tempo desfíxose a Asociación Cultural Arxina quedando no seu lugar a A. C. Os Abrentes de Cerdedo.
A Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo foi creada para a conservación, o estudo e a difusión da música tradicional como parte fundamental da cultura e tradición do pobo galego, centrando o seu estudo na comarca Deza-Tabeirós Terra de Montes.
No ano 2017 publicaron unha maqueta dixital con 5 temas que foi gravada en Vigo. Con esta gravación, o grupo de gaitas intentou amosar o seu traballo buscando a maior naturalidade nunha gravación realizada nunha tarde de sábado para amosar a súa frescura e espontaneidade.