Para a civilización maia, o colibrí tiña a especial misión de transportar os desexos e pensamentos así como as bendicións das deusas ou das familiares falecidas que seguen téndonos presentes no outro mundo.
Existen 343 especies desta familia de aves. É o paxaro máis pequeno do Planeta: dependendo da especie, pode pesar dende os 2,2 gramos até un máximo de 20 gramos. Bate as ás debuxando círculos entre cincuenta e oitenta veces por segundo. Pode facer que o seu metabolismo vaia máis lento para administrar a súa enerxía e adaptarse á baixada de temperatura da noite e ao momento de durmir. Non absorbe o néctar das flores, senón que o lambe coa súa peculiar lingua bífida en forma de W que se enrola sobre si mesma. Consume cantidades inxentes de azucre e cando ten moita fame, estrésase.
Curiosamente, o colibrí non pode camiñar coas súas patas, só pode sosterse nelas para durmir, pero si pode axitar as súas ás en círculos a unha velocidade supersónica, así que atopou o seu xeito de conseguir manterse no mesmo lugar sen usar as patas. Ademais, resulta que é a única ave capaz de voar cara atrás e tamén de voar boca abaixo, polo tanto, non poder camiñar, non eclipsa as proezas que si é capaz de realizar este pequerrecho.
Cando dicimos: "Non son capaz de facer tal cousa" estamos obviando, en primeiro lugar, que quizais non somos quen de facelo da maneira que nos ensinaron ou da que vemos ás demais facelo, pero iso non quere dicir que non poidamos atopar o noso propio xeito. E, en segundo lugar, estamos obviando que por cada cousa que non podemos facer, hai outras moitas que si somos capaces de facer.