O concelleiro de Deportes de Narón, Iban Santalla, valorou hoxe dous eventos destacados no calendario deportivo e social do municipio: as andainas a Santo André de Teixido e a inauguración do novo campo de tiro con arco en Río do Pozo.
Sobre o programa “Ponte en ruta con nós”, que organiza o Concello, Santalla sinalou que as dúas últimas etapas deste ano —previstas para os días 8 e 15 de xuño— permitirán “vivir a experiencia única de facer o camiño a Santo André de Teixido a pé, en dúas xornadas accesibles e pensadas para todos os públicos”. A primeira etapa irá do Mosteiro do Couto a Porto do Cabo (Valdoviño), mentres que a segunda irá de Porto do Cabo ao santuario de Cedeira, con saída e regreso en autobús desde A Gándara. As prazas son limitadas a 150 por ruta, cun prezo simbólico de 5 euros.
“Esta actividade combina deporte, patrimonio e natureza, e é unha oportunidade fantástica para redescubrir o noso territorio e fomentar hábitos saudables en familia”, destacou o edil.
En canto á recente inauguración do campo de tiro con arco de Río do Pozo, coincidindo co Campionato Autonómico da especialidade, Santalla expresou o seu orgullo por acoller en Narón un evento de tal magnitude, con 203 deportistas de 29 clubs galegos. “É un antes e un despois para o Club Arco Narón e para todo o deporte base da cidade”, afirmou.
O novo equipamento contou co apoio do Concello, da Deputación e da Federación Galega de Tiro con Arco, e representa un impulso claro á diversificación deportiva en Narón. “A nosa aposta é clara: deporte para todos, accesible, de calidade e con espazos axeitados para cada disciplina”, concluíu Santalla.
Narón segue a consolidarse como un referente deportivo na comarca, combinando tradición, saúde e infraestrutura de primeiro nivel ao servizo da cidadanía.