O alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro, compartiu esta mañá nunha entrevista radiofónica as principais novidades e retos que afronta o municipio en distintos ámbitos como o comercio local, o saneamento das praias e o desenvolvemento industrial.
Fernández comezou valorando moi positivamente a intensa actividade cultural e comercial das últimas semanas, destacando o éxito dos Cantos de Taberna e a celebración inminente da Fashion Night de primavera, un evento no que participarán máis de 80 establecementos de comercio e hostalería, e durante o cal se entregarán os premios do concurso Ponte de Pinchos. “É unha cita xa consolidada que dinamiza o casco histórico e que atrae moita xente á vila”, sinalou o rexedor.
O alcalde puxo en valor o papel do Concello como impulsor destas iniciativas, que buscan “revitalizar o comercio de proximidade, especialmente afectado pola competencia dos centros comerciais e o comercio online, sobre todo tras a pandemia”. Neste sentido, subliñou que manter vivo o comercio local “é fundamental para a economía e a vida social dos cascos históricos”.
En relación coa recuperación das praias de Ber e Centroña, Fernández informou que están a piques de completarse os traballos necesarios para levantar a prohibición permanente de baño. Estes arenais levaban anos afectados por problemas de verteduras debido a deficiencias no saneamento. Grazas a un investimento de máis de un millón de euros con fondos europeos, construíronse novos bombeos e reformouse a rede de saneamento.
Aínda que as obras civís están rematadas, queda pendente a ampliación da potencia eléctrica necesaria para poñer en marcha os sistemas, unha xestión que depende de Naturgy e de Adif. “Estamos facendo toda a presión posible para que se resolva axiña”, apuntou o alcalde, quen confía en que as praias estean listas para o uso este verán, aínda que a súa inclusión oficial nas zonas de baño poida demorarse por cuestións burocráticas.
Outro dos temas centrais foi o desenvolvemento de chan industrial para favorecer a implantación de empresas no termo municipal. O alcalde explicou que o Concello, xunto coa Xunta, traballa para habilitar 200.000 metros cadrados entre o polígono do Vidreiro e as instalacións de Leite Celta. A ampliación da planta desta empresa, unha das 50 que máis factura en Galicia, é clave para a economía local.
Ademais, destacou a importancia da nova saída da autopista en Miño, que mellorará notablemente o acceso ao futuro parque empresarial. “Por fin imos ter unha conexión eficiente que permita atraer máis empresas sen que teñan que pasar polos cascos urbanos”, afirmou.
Finalmente, o rexedor denunciou que a planificación das anteriores saídas da AP-9 penalizou a Pontedeume no ámbito industrial, ao priorizar o acceso ás praias. “Está ben pensar no turismo, pero tamén precisamos infraestruturas para xerar emprego e riqueza todo o ano”, concluíu.
Con estes proxectos en marcha, o alcalde amosouse confiado no futuro de Pontedeume como un concello “activo, con oportunidades e comprometido co benestar da súa veciñanza e co desenvolvemento sostible”.