Con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mujeres, o Concello das Pontes leva días desenvolvendo a campaña “Non as fagas invisibles. AFINA A MIRADA”. A iniciativa, da que falamos con Tania Pardo, concelleira da área de Igualdade, busca sensibilizar sobre a violencia de xénero, con especial atención a mulleres migrantes, maiores e con discapacidade. Pardo destacou que o obxectivo é facer visible a realidade destas mulleres e os obstáculos específicos que enfrontan, que agravan a súa situación de violencia.
A campaña inclúe unha peza audiovisual, “Estamos ao teu carón, pero non vesnos”, realizada coa colaboración da comunidade local e artistas de diversas asociacións culturais. Este vídeo estará dispoñible na web e redes sociais do Concello. Ademais, instalaranse postos informativos e de sensibilización en eventos locais como a feira quincenal do 15 de novembro e o 25 de novembro. Organizaranse tamén talleres de empoderamento para mulleres migrantes, maiores e con discapacidade, enfocados en biodanza, arte, autocuidado e movemento corporal.
A campaña tamén inclúe actividades para estudantes de Primaria e Secundaria, como a obra de teatro “Travesía Unicornio” e a instalación de Puntos Violeta en institutos para fomentar a igualdade e o rexeitamento á violencia machista. O acto conmemorativo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres celebrarase o 25 de novembro no Parque Municipal, incluíndo un recital poético e unha performance teatral. A xornada culminará coa obra “Mordiendo la verdad” no Auditorio do Cinema Alovi.