A Capela do Centro Torrente Ballester acolle, o venres 12 de maio, a partires das 9:30 horas, a segunda xornada Power Up Videoxogos Aplicados e
Persuasivos que organiza o Campus Industrial de Ferrol en colaboración coa coordinación do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos e co Concello de Ferrol.
O programa da xornada inclúe as conferencias de Luis Oliván Tenorio, produtor e responsable de comunicación de Fictiorama Studios que nos falará polo miúdo dos xogos narrativos que desenvolven e os seus aspectos persuasivos, de Daniel Sánchez Mateos, CEO de Gammera Nest sobre a súa experiencia nos xogos aplicados coa saga Nubla, desenvolvida en colaboración co equipo de educación do museo Thyssen-Bornemis a e unha mesa redonda de desenvolvedores galegos coa participación de Silvia Izquierdo de Aruma Studios e Pedro Vilas de Iseltec, que foi alumno do máster.
Xa pola tarde, o Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, acollerá, a partires das 16:30 horas, a presentación dos proxectos desenvolvidos polo alumnado do máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos durante os dous últimos anos. O equipo Midnight Coffee presentará “A Bot to the Top”, un videoxogo de plataformas táctico 2.5D no que o xogador controla un robot a través dun mapa
vertical polo que debe ascender planificando cada salto con antelación, evitando caer para chegar á cima. Durante a súa viaxe explorará un curioso mundo en ruínas que parece estar habitado só por robots. Pola súa banda, Patologic Games presentarán “Quack Time Event”, un videoxogo de plataformas e quebracabezas en primeira persoa ambientado nun templo en
ruínas de onde teremos que saír empregando os poderes espazo-temporais que lle concede un deus encerrado nun pato de goma. Por último, o equipo Virtual Seed, presentarán “After Juice”, unha aventura gráfica con moito humor protagonizada por animais antropomorfos nunha noite de xoves universitario.