A escritora nedense Sara González Veiga, sera a pregoeira da Festa do Pan de Neda o vindeiro domingo ás 13 horas na macrocarpa situada diante do Albergue de peregrinos. Antes haberá tempo para gozar dos sons tradicionais de Berros do Castro e para a celebración do concurso de empanadas. Desta volta haberá sesión vermú e recupérase o tradicional xantar popular que, por 20 euros, incluirá pan e empanada de Neda, arroz, churrasco, a bebida, o doce, e o café. E para baixar a comida, nada como un pouco de animación musical con Os Charangos. A programación infantil incluirá os obradoiros de elaboración de pan (17 horas) e un espectáculo de circo (18.30 h). E a partir das 19 horas, un dos grandes grupos da música de raíz en Galicia, nada menos que Luar na Lubre, porá o broche de ouro á festa, repasando os grandes éxitos da súa extensa traxectoria musical e máis os temas do seu último traballo “Vieiras e Vieiros. Historias de peregrinos”.
A XXXII Festa do Pan, que organiza o Concello de Neda, contará co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.