O Concello de Cabanas acollerá os próximos 10, 11 e 12 de xuño o “Paseo da la”, un evento que nace coa pretensión de ser a primeira Feira Internacional de La Artesá.No marco deste primeiro “Paseo da la” organizaranse diversas actividades, comezando o venres 10 de xuño, cando se levará cabo un desfile ás 20h para amosar as creacións creadas a partir deste tecido, que terá lugar no Paseo da Madalena.
A partir dese día, o sábado 11 e o domingo 12 de xuño, levarase a cabo a II edición de “El Mundo Teje”, un evento internacional de fala hispana para dar a coñecer empresas vencelladas á la e fomentar a economía circular en países hispano falantes. Así, o sábado 11 de xuño emitirase en directo a través de Zoom o evento, con pequenos grupos que permitirán ás persoas participantes coñecerse mentres tecen en compañía, gozando das representacións de cada proxecto. Algunhas das persoas participarán de maneira presencial (en horario de 12.00 a 19.00h) nunha carpa situada en Cabanas, e outras poderán facelo a través de Internet, desde diferentes países. Ademais, coincidindo co Día Mundial de Tecer en Público, habilitarase un espazo no que a xente que queira poderá achegarse a tecer en público.
En paralelo co resto de actividades desenvolverase a I Feira Lanar con Denominación de Orixe Artesá, no que as persoas participantes que se despracen até Cabanas poderán amosar os seus produtos, e se levarán a cabo faladoiros (2 o sábado e 1 o domingo), que versarán sobre “Las con D.O.: pasado, presente e futuro”, “Técnicas téxtiles: poñendo en valor as súas ensinanzas” e “Manexo da la”.
A entrada ao Paseo da La será libre e gratuíta, e desde o Concello anímase a apoiar o sector primario a través da compra destas las con Denominación de Orixe.