Duas empresas cooperativas da comarca galardoadas cos Premios á Cooperación outorgados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. O Premio aos valores cooperativos recaeu na cooperativa Aventeira de Fene, por ter destacado no impulso dos valores e principios cooperativos. Esta entidade constituída en 2019 e que conta con 7 persoas socias traballadoras enmarca a súa actividade no sector do lecer, creando espazos educativos que estenden a oferta de tempo libre máis alá dos períodos estivais. Entre outras iniciativas, Aventeira vén de desenvolver desde as aulas un programa de mediación de conflitos entre a mocidade; traballa en iniciativas de fomento da igualdade; a educación de valores no tempo libre; e desenvolve, en colaboración coa
Xunta, cursos oficiais de monitorado de actividades de tempo libre.
No caso da mellor traxectoria cooperativa, o premio recaeu en Agroflor, cooperativa agraria con sede no polígono de A Gándara, en Narón. A Xunta destacou o seu bo facer
desde o ano 1985, no que se constituíu. Esta cooperativa dedícase ao cultivo e comercialización de flores ornamentais, plantas e horta e é na actualidade, a única cooperativa deste sector que queda en Galicia. Destaca por favorecer o acceso da muller ao mundo laboral e polo tratamento de menor impacto ambiental que lle brinda ás súas plantacións, nas que empregan, por exemplo, funxicidas biolóxicos. Das 6 persoas que integran o consello reitor, 7 son mulleres. Ademais traballan para que as novas xeracións se incorporen ao sector para evitar o despoboamiento rural.