A compañía galego-portuguesa Elefante Elegante estrea mañá venres,
8 de abril, no Teatro Jofre de Ferrol, a súa nova proposta escénica: Alma de tigre, unha creación na que o colectivo codirixido por Gonçalo Guerreiro e María Torres segue a explorar e desenvolver a súa singular linguaxe teatral, baseada na xestualidade e o movemento. As entradas para o espectáculo, que comezará ás 20:30 horas, pódense mercar na web ferrol.es/jofre a un prezo de 5 €.
Alma de tigre é un espectáculo que transita entre as artes visuais, a danza e o cine mudo.
Mergúllanos nunha fantasía onírica a partir da historia de dúas irmás e un irmán que, logo de anos sen contacto, se reencontran na casa familiar após a morte da súa nai, unha figura que se revela fortemente autoritaria. Tres adultos que non foron quen de cortar o cordón umbilical cos seus pais loitan agora por se desfacer do seu pasado, cada quen a súa maneira, e sanar as súas feridas.