Chega a cuarta edición do Festival Porta Máxica, un festival que traerá á cidade de Ferrol a algúns dos mellores ilusionistas do mundo durante os días 2, 3 e 4 de xaneiro de 2022. A nova edición contribúe a continuar o traballo de afianzamento do festival como unha cita ineludible para o Nadal ferrolán e a maxia nacional.
O proxecto está dirixido por Martín Varela, ilusionista ferrolán que, xunto co seu equipo, creou inicialmente a idea do festival e se encarga da coordinación do ciclo. Conta coa colaboración do Colectivo Máxico Lorc & Julit de Ferrol, que leva máis dunha década traballando por visibilizar a maxia en Ferrol, e a produción é de Thinking Up Events, unha empresa cunha ampla experiencia no ámbito da produción cultural.
Durante o 2, 3 e 4 de xaneiro, a ilusión invadirá Ferrol en forma de diferentes actividades: obradoiros, nos que os máis pequenos poderán aprender a facer maxia, actuacións solidarias no Complexo Hospitalario Universitario, na Residencia de Maiores e, por suposto, no Teatro Jofre, que será o anfitrión das galas de maxia.