No informativo de hoxe abrimos coa actualidade máis inmediata: un xabaril provocou un accidente dobre na PO‑841 ao seu paso por Toedo, un sinistro aparatoso pero que, afortunadamente, se saldou sen feridos.
No capítulo político, o PSOE da Estrada cualifica de discreta a campaña de Nadal e reclama descentralizar as actividades para dinamizar outras zonas da vila. Pola súa banda, o BNG acusa ao alcalde Gonzalo Louzao de enganar á veciñanza co proxecto do Museo, un ano despois e sen avances visibles, falando incluso de parálise total na xestión municipal.
En Cultura, analizamos o impacto do dobre tardeo de Fin de Ano, que dividiu ao público estradense. A Zona dos Viños concentrou boa parte da festa, mentres Serafín Pazo notou menor afluencia. Escoitamos tamén a valoración do concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán.
Na comarca, o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou as obras da futura residencia e centro de día de Cerdedo‑Cotobade. Ademais, o conselleiro Román Rodríguez supervisa hoxe as melloras no Instituto Aquis Celenis de Caldas de Reis, onde o concello anuncia unha aposta firme pola recuperación integral da Carballeira e do Xardín Botánico cun investimento de 1,4 millóns de euros. A música tamén é protagonista en Soutelo de Montes, coa Banda e a Orquestra Clásica de Valga.
En deportes, avanzamos o I Torneo de Basket de Nadal, organizado en colaboración coa Comisión de Festas do San Paio, e destacamos o regreso de Cristóbal Dios ao Atletismo A Estrada tras dous anos afastado das pistas.