As Womansplainers

As Womansplainers

By As WomansplainersSociety & Culture
Download on the App Store

As Womansplainers episodes

  • S02E37 - Gordofobia 2 🤰
    Neste novo episodio co patrocinio de PuntoGal, contamos de novo coa presenza de Esther para seguir afondando nas manifestacións da gordofobia en diferentes eidos da sociedade e dos medios de comunicación.
    Revisamos os papeis e os tropos en que se ven encerradas as persoas gordas: case nunca protagonistas e poucas veces antagonistas, con frecuencia vense reducidas a seren o alivio cómico en historias máis dramáticas ou a amiga coitada e sen interese sexual nas historias románticas con protagonistas delgadas.
    Aos produtos audiovisuais clásicos, como os filmes e as series, súmanse agora -e con moito menos control- o Instagram e o TikTok cun exército de influencers dispostas a propor calquera desafío de adelgazamento co obxectivo de se faceren virais. Analizamos con estes exemplos os dobres raseiros que fan que as condutas que consideramos intuitivamente aberrantes en persoas con normopeso sexan aplaudidas en persoas con sobrepeso ou obesidade, poñendo a saúde física e mental por detrás do éxito social a través do aspecto.
    Tamén analizamos o paternalismo coas persoas gordas, que se manifesta tanto no trato cara a elas como na estigmatización de termos “gorda” e “gordura” e na necesidade de substituílas por eufemismos, tanto na nosa fala cotiá como na publicidade.
    Por último, propoñémosvos coma sempre algúns produtos culturais feitos por mulleres gordas e gostosas para o pracer de todas!
    57 min
  • S02E36 - Gordofobia🤰🏻
    Falamos algunha vez no podcast de que a forma en como a sociedade nos ve repercute directamente na nosa propiocepción. E se a sociedade actual ten unha fobia á gordura esta aversión impacta no concepto que unha persoa gorda ten de si mesma, obviamente.
    Esta semana contamos co testemuño de Esther, que xa estivo connosco no episodio dos Casamentos. Falounos desde unha perspectiva vital, mais tamén contando co saber da súa profesión como médica. Sendo así, comezamos por cuestións técnicas e nominais: o que é ser unha persoa gorda? Analizamos entón referencias e medicións. Disto pasamos á relación que as persoas con sobrepeso teñen co exercicio físico e a alimentación. A gordofobia fainos asumir que os corpos gordos existen por desleixo e non porque na natureza haxa unha variedade de formas. Isto implica que a fotografía dunha persoa gorda a comer sexa moi castigada socialmente ou que o trato que reciban nunha consulta médica rotineira pase só por consellos para adelgazar.
    Ímosvos dar un dato: as persoas de tamaño plus size tamén necesitan vestirse. A odisea de encontrar algo a bo prezo e que se axuste a varios gustos é un feito. Estes produtos tamén necesitan modelos e, as máis das veces, eses corpos están condicionados aos mesmos padróns esixidos na delgadez: ventres planos, cintura estreita e gordura só en lugares estratéxicos. Que haxa corpos diferentes en campañas publicitarias é un fomento á obesidade? Isto dá pano para mangas.
    Prometemos unha segunda parte sobre o mesmo tema, porque aínda hai puntos por tratar. O que non faltou foi o do noso patrocinador Punto.gal.
    1 hr 1 min
  • S02E35 - Visibilidade 🙋🏿‍♀️
    No episodio desta semana, patrocinado coma sempre por PuntoGal, acompáñanos a tiktoker burelá Paula Jorge para falar sobre a representación de persoas racializadas nos medios de comunicación.
    Afortunadamente, semella que pouco a pouco a presenza de persoas racializadas nas redes sociais vai aumentando de xeito progresivo. Porén, a representación de influencers negras no mundo da maquillaxe aínda é escaso e comprobamos que a industria da beleza esqueceu durante anos fabricar produtos para persoas con pel escura ou para cabelos afro.
    Paula tamén nos expuxo a súa experiencia vital como persoa negra galega e que fala galego. Sorprenderíavos coñecer a cantidade de veces que tivo que explicar a súa árbore xenealóxica cando lle preguntaron de onde era ou todas as ocasións na que gabaron o seu excelente galego ao presupoñérena estranxeira. Ademais, tamén nos falou de cales foron as súas referentes cando era nena e das que poderían selo na actualidade.
    Por último, abrimos o melón da representación de persoas racializadas na televisión, nas series e nos filmes. Cales son os papeis que tipicamente se lles ofrece ás actrices e actores negros? Séguese a tirar de clixés, limitando a traxectoria destas profesionais só pola súa cor de pel? Agocha un tinte racista escudarse no rigor histórico para queixarse da presenza de elenco racializado en determinados papeis de series ambientadas noutras épocas da historia?
    Resolvemos estas e outras moitas cuestións neste episodio sobre representación. Agardamos que o disfrutedes!
    1 hr 2 min
  • S02E34 - Lingua👅

    As Womansplainers somos laretas, lingoreteiras, bilingües, políglotas, filólogas, diglósicas e cunilingüistas. Por todos estes motivos non podiamos deixar pasar o Día das Letras sen facermos un episodio especial sobre #OdoGalego. Na compaña da xornalista do Diario de Pontevedra Chus Gómez Dorrego, discutimos algúns dos temas máis quentes da nosa lingua e volvemos sobre algunhas teimas clásicas arredor dela: Por que dá tanto medo o NH? Podería o binormativismo ser verdadeiramente harmónico nunha situación de desvantaxe institucional como a presente? É o reintegracionismo só unha opción ortográfica? A nosa profesora de portugués residente, a Saboridinha, explícanos estes temas e aproveitamos para recomendar o seu blog a todas as lusópatas. Da man de Chus, revisamos a situación do galego nos medios, a polémica ao redor das subvencións e da porcentaxe de artigos na nosa lingua, o porqué de traduciren ao castelán as declaracións dunhas entrevistas e non doutras ou de aceptaren o galego para o tratamento de determinados temas como os culturais ou festivos, mais non aqueles que se perciben como máis serios. No sector público a lingua debería gozar de maior saúde, mais non é precisamente no mundo da saúde onde a nosa lingua está máis sá, segundo nos explica a Sara, que analiza o clasismo no emprego do galego entre o persoal da Sanidade. No que toca a Educación, as escolas, especialmente as infantís, teñen un peso na desgaleguización que non se pode ignorar. Na educación mallan tamén a Malvada Profe e a Carme, que critican como e que se esina nas materias de Lingua e Literatura Galega e que avalían en realidade os famosos exames CELGA. Falade moito galego e, se non tedes con quen, escoitádenos a nós neste novo episodio que vos trae o patrocinio de Puntogal.

    1 hr 17 min
  • S02E33 - Rexouba eurovisiva🎤
    Good Evening, Europe! It's Podgalego calling!
    Algunhas womansplainers somos máis eurovisivas ca outras, pero ao final -e á final- non se soubo resistir ningunha.
    Sen podermos animar as representantes que queriamos para o país, tiñamos diferentes favoritas. Quen nos salvou de caermos durmidas entre tanta baladona? Quen defendeu ben a proposta de folclore do s. XXI? Con quen gozou máis o noso lado mamarracho?
    Neste podcast sabemos ben que o persoal é político -e o musical tamén. E é tan malo que o sexa?
    Escoita este novo episodio express co patrocinio de Puntogal.
    37 min
  • S02E32 - Fútbol ⚽️
    Unhas veces na posición de defensa, outras na posición de ataque, o noso podcast aborda cada semana temas novos. O asunto do fútbol levaba dúas temporadas a rondar e agora entramos no xogo coa nosa convidada Vanessa, que participou en Siareir@s e falou desde Cuntis.
    A primeira cuestión entrou no campo con forza. Falamos do fútbol como problema social, ou como aglutinador de varios deles: misoxinia, burbullas urbanísticas, violencia, masculinidade tóxica, homofobia… Reparamos en que este deporte ocupa moito espazo nos recreos e tempo dos informativos, ensombrece a información sobre outros deportes e ata modifica a xeometría das cidades. Por outras palabras, o fútbol condiciona a nosa vida, sexamos seareiras ou non.
    Ninguén mellor que Vanessa para falar sobre fútbol e construción nacional. A segunda parte do xogo arrinca co clásico de se debemos separar fútbol e política.
    Sen acabarmos o tempo do partido, tocou abordar o tema das mulleres no fútbol, tanto na práctica deportiva, como na masa de afeccionadas. Que desafíos encontramos na carreira deportiva? É obrigado socialmente que saibamos tamén de fútbol para sermos mulleres modernas?
    Na conversa nos vestiarios houbo tempo para recomendacións culturais e para recordar que somos equipo patrocinado por PuntoGal. Faite seareira deste club e acompáñanos en cada partido.
    1 hr 31 min
  • S02E31 - Pracer 👄

    Na segunda parte deste dobre episodio coa psicóloga e educadora sexual Hadriana Ordóñez, as Womansplainers seguimos a explorar os interrogantes do pracer. Máis de dous milenios de xudeocristianismo impuxeron en nós fortes dicotomías respecto do noso propio pracer: De quen queremos ser, da Eva ou da Lilith? O noso desexo e as nosas necesidades desconcertaron os homes desde entón até o punto de seren medicalizados baixo o paraugas da histeria. Mais non só cousas malas sairon desa diagnose, senón tamén os primeiros vibradores! Outro elemento de emancipación do noso pracer foi poder controlar e evitar a concepción. No entanto, dase o paradoxo de que as mesmas pílulas que nos liberan tamén nos tiran o desexo -só un dos seus moitos efectos secundarios. Non é o único motivo que o fai desaparecer, pois tamén coa idade vai diminuíndo- e non poderá ser iso tamén finalmente unha liberación? Pois en conclusión, o que non debe ser nunca o pracer sexual é obrigatorio. Esa idealización só provoca frustración en moitas parellas convencidas dunha imaxe do amor romántico en que unha parella que se ama moito tamén ten, en consecuencia, moito sexo e moito pracer, materializado finalmente en moitos orgasmos. Alén disto, a obrigatoriedade do pracer, ademais dunha contraditio in terminis, non deixa de alimentar a incomprensión polas persoas asexuais, quizais a parte máis invisíbel e incomprendida do colectivo LGBTQ+. Esperamos que escoitardes este novo episodio que vos trae o patrocinio de Puntogal sexa tamén para vós un pequeno pracer!

    1 hr 28 min
  • S02E30 - Desexo 🥵
    Esta semana falamos de pracer e desexo coa Hadriana Ordóñez, womansplainer rianxeira e convidada repetidora que traballa como psicóloga e educadora sexual.
    Comecemos polo principio: Como recoñecemos o noso propio desexo? Onde aprendemos a identificar a nosa excitación sexual? Este tipo de dúbidas acostuman xurdir na adolescencia e semella que, coma en tantos outros aspectos da vida, adoita haber tamén neste tema unha importante fenda de xénero.
    Consentimento, desexo e pracer son termos que en ocasións se utilizan indistintamente de xeito erróneo. Aínda que de xeito ideal deberían ir sempre da man, é importante coñecer os matices do seu significado. Que diferenzas hai entre o pracer psicolóxico e o físico? Pode haber consentimento sen desexo?
    O relato feminista tivo un papel moi relevante na liberación sexual das mulleres. Ademais, é fundamental falar dos límites do consentimento e dos sinais para sabermos recoñecer a violencia sexual, mais tamén precisamos coñecer máis relatos positivos e experiencias de pracer.
    En relación co anterior, ás veces podemos ter fantasías sexuais que nos fan sentir culpables por non encaixaren cos nosos valores feministas. Porén, a nosa imaxinación non ten límites e na nosa mente todo pode suceder! Consenso, consentimento e coidados son os piares fundamentais dunha sexualidade ética que nos libere das cadeas impostas polos prexuízos.
    Como deste tema tiñamos moito que falar ides ter ración dobre! Así que, se quedastes con ganas de máis pracer e desexo, a próxima semana poderedes escoitar a segunda parte deste episodio co patrocinio de PuntoGal.
    1 hr 10 min
  • S02E29 - Lecer postpandémico🏠🎮🎯🎫
    Este programa pillounos escoitando un podcast, lendo un libro, xogando algún videoxogo ou estando nunha videoconferencia coas amigas. Recoñéceo, ti tamén tes vontade de espazos abertos e contacto humano, só que xa non sabemos se iso todo vai ser como antes de 2020.
    A maneira en que pasamos o tempo foi completamente alterada cando a pandemia e o posterior confinamento nos apañaron. O lecer perdeu espontaneidade, marchou a improvisación e viñeron as reservas, as limitacións horarias e de número de persoas. As Womansplainers analizamos esa dependencia que hai da hostelaría para organizar case calquera plan como sociedade. A partir de 2020 houbo que crear alternativas e cada unha de nós comentou como xeriu o seu tempo libre desde que convivimos coa COVID.
    O lecer comezou a ser máis individual para evitarmos demasiadas interaccións sociais. Entre as consecuencias máis evidentes podemos destacar o aumento na venda de libros, o incremento no número de perfís en apps de encontro tipo Tinder e o crecente hábito de consumo audiovisual en plataformas de streaming. Algúns destes plans parece que chegaron para ficar e outros están a esmorecer desde que as medidas sanitarias son algo máis laxas ou a percepción de risco é menor.
    O noso podcast, co patrocinio de PuntoGal, continua a ser unha aposta para os teus tempos libres. Nesta semana tamén hai Womansplainers, mais agora sen máscaras!
    1 hr 10 min
  • S02E28 - Viaxe de volta🗺️
    Esta semana continuamos a nosa travesía co patrocinio de PuntoGal na compaña da Cris Terceiro de Viaxantas. Que seremos desta volta, turistas ou viaxeiras? Realmente hai algunha diferenza entre estes dous termos ou é pretensioso pensar que cando viaxamos somos diferentes da imaxe estereotipada de turista que habita no noso imaxinario colectivo?
    Tanto a idea de viaxeira como a de turista cambiaron ao longo da historia. Na actualidade, os traxectos que realizamos para chegar ao noso destino non adoitan ser concibidos como parte da viaxe en si mesma, senón simplemente coma un medio para acadar un fin. Porén, hai unhas cantas décadas viaxar era un luxo dispoñible para moi poucas persoas, as estancias eran moito máis longas para amortizar o gasto do propio transporte e o itinerario era unha parte enriquecedora da viaxe. Ademais, existe un importante salto xeracional en canto á percepción que se ten das viaxes: unhas simples vacacións ou un investimento para o o futuro?
    Agora que podemos viaxar con maior facilidade seremos máis difíciles de impresionar? Esmorecería esa maxia de atopar algo novo, único e sorprendente en cada lugar que visitamos despois de ter visto outros moitos anteriormente?
    O dito popular afirma que se pode curar a idiotice mediante as viaxes e a lectura, pero nada máis lonxe da realidade. Podes ir a un lugar e que ese lugar non pase por ti, porque non entendas nada do que ves, por descoñecemento da lingua e da cultura, e mesmo porque os teus propios prexuízos non che permitan interpretar de xeito correcto outras realidades.
    Por último, reflexionamos sobre o impacto que teñen as nosas viaxes sobre os lugares que visitamos e sobre nós mesmas: falamos de xentifricación, aumento de prezos, cambios nos modelos económicos, danos no patrimonio, saúde mental, desconexión e fuxida do cotiá.
    E por suposto, non podíamos rematar esta travesía sen darvos recomendacións dos nosos destinos favoritas para viaxar.
    Última parada, non esquezades recoller as vosas pertenzas antes de baixar deste episodio das Womansplainers!
    1 hr 15 min

About As Womansplainers

From the publisher's feed

Señoras explicando cousas desde 2021. O podcast coas señoras que máis forte opinan do Podgalego.

More shows like As Womansplainers

Carne Cruda - PROGRAMAS by La República Independiente

Carne Cruda - PROGRAMAS

33 Listeners

Estirando el chicle by Podium Podcast

Estirando el chicle

81 Listeners

Un tema Al día by elDiario.es

Un tema Al día

34 Listeners

La cena de los idiotés by SER Podcast

La cena de los idiotés

7 Listeners