
Sign up to save your podcasts
Or


Esta semana, o podcast da xente que máis forte opina do Podgalego achégase á figura dos MACHOS, esa especie que está (e que non quere estar) en perigo de extinción. Onde sobreviven os machos? Cales son as súas reservas e cales as ameazas para o seu hábitat? Intentamos definir que é un macho e discutimos por que nos resulta tan doado parodiar os machos españois e de dereitas e tan difícil denunciar os machos de esquerdas: os comumachos, os reintemachos, os dongalizos. Pescudamos tamén nas orixes sociais do macho, na masculinidade tóxica imposta aos homes desde a infancia e nos castigos que reciben cando se afastan do ideal de masculinidade nos seus gustos, nas súas actividades ou en calquera desvío da heterosexualidade hexemónica. Por último, preguntámonos se é posíbel o desenvolvemento de novas masculinidades e que esixen por parte dos homes que se queren afastar da pantalla do macho. Escoitade a boa compaña que tivemos esta semana no novo episodio patrocinado por PuntoGal -e seguide discutindo connosco nas redes!
No episodio das Womansplainers desta semana, patrocinado por PuntoGal, acompáñanos a María Sabucedo, amiga womansplainer na diáspora que vén opinar forte connosco sobre «non nais». O 93,5% das mulleres de menos de 30 anos na Galiza non ten fillos. Ademais, as estatísticas tamén amosan que, no noso país, as mulleres teñen menos fillos dos que desexarían. Moitas mulleres que quererían ter unha crianza non teñen ningunha e outras moitas que teñen unha ou dúas gostarían de ter máis. Os motivos que levan as mulleres a non seren nais son moi diversos: non querer, non poder, precariedade laboral ou a dificultade de acceso a tratamentos de fertilidade, entre outros. Por outra banda, a decisión voluntaria das mulleres que non queren ser nais non adoita ser respectada. Moitas, sobre todo chegada certa idade, mesmo son sometidas a presións sociais para teren crianzas. Son infantilizadas e tachadas de egoístas, recibindo comentarios indesexados que, na maioría dos casos, nin sequera teñen en conta a súa situación vital. Por último, conversamos sobre o dó das «non nais» e as mortes perinatais. O tabú presente ao redor deste tema dificulta a realización dun labor sensibilizador ao respecto e favorece as carencias no sistema sanitario que impiden tratalo correctamente. Agardámosvos, coma cada semana, na vosa plataforma dixital favorita!
O mundo está cada día máis porco e por ese motivo as Womansplainers decidimos que tiñamos que discutir sobre HIXIENE. Na compaña de Laura Veiga, creadora do proxecto multiplataforma Pingando, e co patrocinio de PuntoGal, traémosvos un novo episodio que cheira que arrecende.
Este é un episodio para racharmos tabús, como o imperativo da ducha cotiá, que pouca xente confesa omitir. É duchármonos decote o que nos distingue dos nosos veciños europeos con sona de menos limpos? Precisamos as adultas, nestes tempos de recibos estratosféricos de auga e de luz, unha ducha diaria? Son bos tanto xabrón e tanta auga para a nosa pel?
A era da pandemia trouxo consigo novos hábitos de hixiene e de hixienización, coas súas inevitábeis fobias e neuroses. Cando e canto sentido ten a desinfección constante de superficies e de mans nos espazos públicos?
Como cada semana, achegámonos ao tema do episodio desde unha perspectiva de xénero: É sabido que as mulleres estamos suxeitas a unhas expectativas de hixiene maiores que as dos homes e que, no noso caso, se fan pasar por hábitos hixiénicos costumes que apenas teñen valor estético. Asimesmo, véndennos como produtos de «hixiene feminina» artículos de drograría pensados para a regra e deseñados desde a óptica de que a menstruación é algo suxo, que debe ser ocultado e disimulado con eufemismos e perfumes. O pracer de se perfumar é outro dos paos que tocamos, porque a colonia pode intentar compensar unha hixiene deficiente ou atacar as pituitarias das veciñas cando a usamos a eito.
Por último, non podedes deixar de acompañarnos na nosa oda e elexía ao bidé, símbolo dunha fenda xeracional e imaxe de postal da hixiene «por parroquias», a hixiene que mellor define o noso territorio!
O compositor brasileiro Lenine foi capaz de definir o medo «como um laço que se aperta em nós». A escuridade, ratos, cans grandes ou mesmo lugares fechados poden apertar moito máis ese lazo. Neste episodio cada unha das womansplainers soubo explicar os seus principais medos: algúns deles vixentes, outros superados e outros incribelmente herdados do proceso de hominización.
Para desenredarmos ese lazo podemos comezar por considerar cantos deses medos son aprendidos e cantos deles teñen un viés de xénero. Evidentemente, a nosa experiencia vital como mulleres e a educación que recibimos é moi marcante, pero sabemos que hai quen teña medo de que non teñamos medo. É por isto que non podemos obviar a parte lucrativa deste asunto. O medo incrementa a venda de desinfectantes, alarmas, reixas… Estes elementos que se publicitan como protección son, as máis das veces, outro nó que aperta e afoga.
Parece un paradoxo, mais este sentimento pode ter un lado positivo. O medo é capaz de activar mecanismos de defensa, fuxida e superación. Podemos até sentir pracer invocando o medo co visionado dun filme de terror. E de filmes algo sabemos. Este programa, que conta co patrocinio de PuntoGal, non esquece os consellos culturais de costume. Temos orientacións sobre literatura, cinema e música que nos producen esta emoción ou provocan unha reflexión sobre ela.
Chegou o momento da sátira, do humor e de botarlle un pequeno pulso ao poder establecido. Como non podía ser doutro xeito, no episodio desta semana co patrocinio de PuntoGal falamos do Entroido. Ás Womansplainers encántanos disfrazarnos. Aínda non sabemos de que nos vestiremos este ano, pero facemos unha recopilación dos nosos mellores disfraces de todos os tempos.
Debatimos sobre como nestas datas segue a ser habitual atopar homes disfrazados de muller e disfraces pensados para mulleres que non deixan de ser hipersexualizadores. Por outra parte, os Entroidos tradicionais da Galiza existen máis alá do clásico "triángulo máxico". En moitas vilas galegas estanse a realizar importantes traballos de recuperación das celebracións populares desta festividade, sen sufriren a masificación e turistificación que se observa nas festas de entroido máis coñecidas a nivel estatal e internacional.
Se algo caracteriza tamén esta época do ano é a abundante diversidade de pratos típicos da nosa gastronomía. Cales son os vosos favoritos? Para rematar recomendámosvos música, libros e viaxes relacionados coa temática entroideira que podedes desfrutar de xeito especial nestas datas.
Viva o Entroido!
As Womansplainers demos a nosa primeira volta ao Sol e estamos de parabéns. Quixemos facer un episodio que recollese a nosa esencia e contase coas mellores convidadas, para te agradecer a ti, a ti, todo este tempo connosco. Marilar Aleixandre, Marta Veiga Izaguirre e Antía Yáñez repiten participación e sopran as candeas para destriparmos un dos nosos mitos fundacionais: o matriarcado.
Antes de máis nada, comezamos cunha cuestión técnica nada fútil: cando afirmamos debemos achegar probas. Non son válidos neste episodio argumentos anecdóticos ou impresións. Sendo así, seis señoras e un señoro en vías de rehabilitación tiran de varios fíos neste coloquio. Falamos do que se pode entender hoxe por un matriarcado, a relación das mulleres co poder, coa riqueza e coa familia.
Se nos centramos no caso galego, vemos que este mito foi fortemente asociado a nós. Tentamos desvendar a utilidade desta idea dentro da construción nacional e como ela tamén serviu para desactivar certos avances na loita feminista. Estamos a confundir «matriarcado» con «asunción plena dos coidados»? Ten sentido reivindicar un matriarcado ou falarmos de Matria?
A representación da «matriarca» na pintura, literatura, escultura, cinema e series é igualmente analizada neste programa que, como sabedes, conta co patrocinio de PuntoGal.
En resumo, fixemos unha festa, pero Estrabón non foi convidado.
No episodio desta semana acompáñanos a historiadora e crítica de arte Natalia Poncela para falarmos dun tema ligado á humanidade practicamente dende os inicios da súa existencia: a arte. A infancia e a creatividade son dous elementos unidos por natureza. Cando somos crianzas debuxamos, modelamos e construímos; mais non todas acabamos sendo artistas ao chegarmos á idade adulta. A presenza da educación plástica e visual na infancia adoita ser superficial e repetitiva, non pretende fomentar a creatividade, senón recrear modelos e parámetros que se avalían como correctos e desexables. Ademais, na primaria e na secundaria estas ensinanzas asúmense como secundarias e prescindibles.
Arredor do mundo das artes visuais contemporáneas existen moitas ideas preconcebidas e os museos especializados nesta área, a pesar de teren habitualmente entrada de balde e mesmo formación para crianzas, están baleiros con frecuencia. No episodio desta semana debatimos o por que desta cuestión e preguntámonos se son precisos máis espazos de divulgación adaptados ás novas plataformas de comunicación. Non sei se nós poderíamos considerarnos artistas do womansplaining, pero podedes facer as vosas valoracións despois de escoitar este novo episodio!
Coa colaboración de PuntoGal.
From the publisher's feed

33 Listeners

81 Listeners

34 Listeners

7 Listeners