O sector marisqueiro retomou esta mañá as mobilizacións urxindo á Xunta de Galicia que non deixe abandonadas as rías galegas e que dea solucións inmediatas ante o avanzado deterioro da productividade.
Por tal motivo, os colectivos integrados na Plataforma en Defensa da Ría de Arousa concentráronse esta mañá ante a delegación da Consellería do Mar en Carril para entregar un escrito dirixido ao Conselleiro no que reclaman medidas inmediatas, empezando por un plan de rexeneración dos bancos marisqueiros e do saneamento integral da ría.
No documento, solicitan asimesmo unha reunión co Conselleiro do Mar "sen restriccións" a ningún colectivo.l
Pola súa banda, o Conselleiro do Mar, Alfonso Villares, indicaba esta mañá durante unha visita ao Igafa, na Illa de Arousa, que hai que dar tempo aos estudos científicos encargados para determinar as causas da actual situación de deterioro das rías.
Asimesmo, reivindicou as axudas habilitadas polo seu departamento para compensar as perdas do marisqueo e apelou á intervención do estado para a declaración de zona catastrófica.
Argumentos do Conselleiro que, sen embargo, non convencen ao sector. O Presidente da Plataforma pola Defensa da Ría considera que é botar balóns fora e non asumir responsabilidades.
E mentres, o tempo pasa sen solucións e o sector do marisqueo está nunha situación límite, tal como expresaban durante a concentración en Carril a presidenta das mariscadoras de Carril, María Porto, o patrón maior de Rianxo, Miguel Angel Romero, e o patrón maior da cofradía de Vilanova Lino Díaz.