Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa foi proclamado esta mañá presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) tras a celebración da Asemblea Xeral Electoral na sede da patronal galega.
A candidatura de Juan Vieites, a única que concorría ao proceso electoral, obtivo 144 votos a favor, 12 en branco e 6 en contra, dos 179 vogais con dereito a voto. De conformidade co artigo 15 dos vixentes Estatutos da organización empresarial, os acordos da Asemblea Xeral adóptanse por maioría simple.
Tras a aclamación do recentemente estreado Presidente da CEG, e durante a súa intervención, Baptista de Sousa manifestou a súa intención de poñerse a traballar canto antes para cumprir cos obxectivos fixados no seu programa electoral e que se centran grosso modo en reforzar á patronal galega como representante do empresariado galego de maior importancia contribuíndo a conseguir unha maior relación coas administracións públicas e os axentes sociais; en impulsar a dixitalización, as enerxías renovables, a internacionalización e os proxectos Galicia-Norte de Portugal, etc…; en fomentar o Consello Asesor de empresas da CEG; en defender os piares básicos da economía –liberdade de empresa, unidade de mercado e defensa da libre competencia; e en apoiar ao tecido produtivo a través do Plan de Recuperación Europeo para España.
Juan Vieites é consciente do complicado reto que lle espera, pero “co apoio de todos, a través da unidade empresarial, defenderemos os intereses xerais do empresariado galego”. “Porque #ante as ameazas e incertezas actuais de posible desaceleración económica e social, sumada á sanitaria derivada da pandemia, precisarase un esforzo e traballo maior por parte de todos”, segundo expuxo Vieites Baptista de Sousa.